O CPXG convida a medios e xornalistas a revisaren as súas axendas informativas en 2020

Ante a irrupción de procesos de polarización ideolóxica que conducen á creba dos consensos sociais básicos, a prensa debe reafirmarse hoxe no seu papel como elemento democratizador. Nun momento así, informar transcende a obriga que temos os xornalistas de facilitar datos veraces e versións contrastadas sobre os feitos. Agora, ademais, é esencial converter a nosa profesión nun referente de fiabilidade que contribúa de xeito definitivo a que os cidadáns poidan distinguir o gran da palla nun contexto impregnado de bulos. Así se suliñou nas xornadas sobre desinformación organizadas polo CPXG no mes de novembro, que poden recuperarse na canle de youtube do Colexio.

O Colexio de Xornalistas de Galicia observa con preocupación a imparable espectacularización dos produtos informativos. Na competición por conquistar a atención dos cidadáns, moitos medios somérxense na exaltación audiovisual do conflito, do medo ou da raiba. O xornalismo non debería acompañar a deriva planetaria da información política.

Cómpre especial tento naqueles casos nos que, con certo cinismo, se pretende apelar á liberdade de opinión e expresión para introducir no debate público ideas que cuestionan dereitos fundamentais. Merecen un apuntamento especial os dereitos das mulleres, que non podemos consentir que se poñan en dúbida.

En resumo, os xornalistas debemos coidar a linguaxe, fuxir das narracións hiperbólicas, escapar das retóricas que magnifican problemas para atender intereses espurios. Os medios deben suplir sempre con debate e sosego as dinámicas de confrontación social.

Oxalá 2020 sexa un ano para conseguirmos mellorar a saúde do xornalismo.

 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia