O CPXG fai pública a súa preocupación extrema pola situación que está a atravesar a xornalista Isabel Quintairos

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere trasladarlle á sociedade galega a preocupación e a alarma que lle causa o que semella unha clara vulneración dos dereitos profesionais e persoais da xornalista colexiada Isabel Quintairos, despedida no seu día de xeito ilegal pola Cadena COPE e volta a despedir tras ter que readmitila forzosamente por senteza xudicial.
A vulneración de dereitos profesionais pode verse agravada polo que semella unha violación de dereitos básicos garantidos pola Constitución Española e pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

O CPXG instruirá a petición de Amparo presentada por Isabel Quintairos ante a Xunta de Goberno e despois de escoitar as dúas partes fará pública a resolución sobre este caso que carece de precedentes na historia recente do xornalismo galego.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha corporación de dereito público creada por lei do Parlamento de Galicia que ten por obxecto a defensa dos dereitos profesionais dos xornalistas e a vixiancia do dereito á información dos cidadáns.

Xunta de Goberno do CPXG