O CPXG pídelle ó Banco Pastor que trate da facilita-lo acceso á información ó maior número posible de medios

A raíz da situación denunciada polo colexiado e editor do diario dixital Xornal.com, Xosé Luís Gómez, sobre a negativa do Banco Pastor a permitirlle acceder como xornalista á xunta xeral de accionista que esta entidade financeira celebra hoxe, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, despois de contrastar esa denuncia coa entidade financeira, pídelle ó Banco Pastor que trate de facilitar o acceso ás xuntas de accionistas ó maior numero posible de medios informativos.
Se ben é certo que non sería posible acreditar representantes de todos os xornais, revistas, televisión e radios que existen en Galicia e España, e que semella lóxico o criterio utilizado polo banco de acreditar en primeiro lugar os medios que viñeron cubrindo tradicionalmente a xunta de accionistas, tamén é certo que, dada a pluralidade de medios, debería tratar de incrementarse a presenza dos mesmos en actos que son de interese non só para accionistas, senón para clientes da entidade financeira e para a sociedade en xeral.

Acompañando o dereito privado que ampara a actuación deste banco, incluso na xestión da súa política informativa, está o valor democrático de facilita-lo acceso á información para que todos os cidadáns –lectores, ouvintes ou espectadores de diferentes medios- poidan satisface-lo seu dereito á información.

Xunta de Goberno en Funcións, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia