O CPXG rexeita o nomeamento dun adscrito ao gabinete de prensa do Concello de Ourense sen titulación nin colexiación para exercer a profesión

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas rexeita o nomeamento por parte do Concello de Ourense dun auxiliar político, adscrito ao gabinete de prensa, sen titulación en comunicación ou xornalismo nin colexiación que acrediten a súa capacidade para desenvolver labores informativos e de comunicación. 

O pasado luns 9 de novembro, o Boletín Oficial da Provincia de Ourense recollía o nomeamento dun traballador eventual no posto de auxiliar político no Concello de Ourense. Para este posto, adscrito ao gabinete de prensa da institución municipal, era nomeada unha persoa sen titulación ningunha en comunicación ou xornalismo, nin tampouco colexiación que poida acreditar a súa adecuación ás características deste traballo. 

O decano  Francisco X. González Sarria, en representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, trasladou por carta ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o seu malestar por estes feitos. O CPXG defende que os postos de traballo de comunicación deben ser desempeñados sempre por xornalistas, unha circunstancia que non se está a cumprir con este nomeamento. 

Así mesmo, e en cumprimento do mandato de defender a profesión e garantir a independencia e liberdade informativa, o Colexio de Xornalistas suxírelle ao Concello de Ourense que as necesidades en materia de comunicación que teña a institución sexan incorporadas á Relación de Postos de Traballo e debidamente dotadas orzamentariamente, con categorías relacionadas coa comunicación.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia