O director de TVE abre un "concurso de ideas" entre os traballadores da cadea

O novo director de TVE, Javier Pons, quere contar coa colaboración dos traballadores á hora de revitalizar os contidos das distintas canles da televisión pública.
Para realizar este obxectivo abriu un "concurso de ideas para formatos de televisión" no que poderán participar todos os empregados de TVE, sexa cal sexa a súa categoría laboral. Os proxectos seleccionados serán realizados coas premisas da produción propia e comezarán a emitirse nun prazo máximo dun ano, segundo o compromiso adquirido por Pons.

Pons, que foi nomeado director de TVE o pasado 15 de xaneiro, dirixiu unha carta on line a todos os traballadores para explicar a grandes trazos unha iniciativa que pretende "estimular o talento". Na súa comunicación, Pons expresa o obxectivo que debe perseguir unha empresa que ten como referente o servizo público: "Tratar de que a vida dos nosos concidadáns sexa máis rica en cultura, en coñecementos e en entretemento".

O director de TVE reclama a colaboración dos traballadores a través do "primeiro concurso de ideas" para desenvolver formatos de televisión, que está exclusivamente dirixido ó persoal da empresa.

Todos os proxectos que se presenten serán rexistrados e respondidos. Ademais, respectarase "rigorosamente" a propiedade intelectual e os dereitos de autor dos participantes.

Un equipo encabezado polo propio Pons seleccionará os proxectos presentados, e aqueles que finalmente sexan aprobados distribuiranse entre as distintas canles da televisión pública: os xeneralistas TVE-1 e La 2, ou os temáticos Clan TV, Canal Clásico, Teledeporte ou DocuTVE. Os formatos poderán, en caso necesario, ser adaptados, executaranse con produción propia e comezarán a emitirse nun prazo máximo de 12 meses.

Pons asegura que o autor da idea terá "unha remuneración en forma de cesión do formato, en condicións idénticas ás que se aplican a calquera produción audiovisual interna ou externa".

Con esta iniciativa, TVE aspira a recuperar o peso da produción propia. Unha recente auditoría do Tribunal de Contas criticaba a excesiva presenza de programas encargados a produtoras privadas. Esta circunstancia provocaba un "dobre custo" para a televisión pública "ó manter inactivo ó persoal propio". Como exemplo, o órgano fiscalizador afirmaba que, en novembro de 2005, os programas de produción propia no horario de máxima audiencia da Primeira apenas representaron o 7%. Formatos que ocupan actualmente esa franxa (¡Mira quién baila!, Cuéntame cómo pasó, La noche de Quintero, Morancos 007 ou Misión Eurovisión) corren a cargo de empresas privadas.

Pons, que leva 28 anos vinculado á radio e a televisión, foi desde 2001 director xeral da produtora -el Terrat, presidida por Andreu Buenafuente. Desde ese cargo participou na posta en marcha de programas como Dos rombos, Homo zapping, Un altre cosa e"aproveitar toda a capacidade creativa e innovadora" de todos os que participan na televisión pública.

MADRID
EL PAÍS
Rosario G. Gómez