O Observatorio de Xornalismo e Novas Tecnoloxías do CPXG pide a retirada do anteproxecto da LSSI

O Observatorio de Xornalismo e Novas Tecnoloxías de Galicia (OXNT), perante da próxima presentación ás Cortes do Estado do anteproxecto de Lei de Servicios da Sociedade da Información e Comercio Electrónico (LSSI), elaborado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, quere manifestar o seguinte:
1. Dende a súa popularización, internet converteuse no mellor medio para recibir e intercambiar información libremente. Na rede, os cidadáns poden comunicarse entre iguais, sen trámites oficiais previos e, nalgúns casos -como nos chats ou foros- de xeito anónimo. Por primeira vez, os individuos poden opinar e coñecer opinións libremente e, ata hoxe, sen máis límites legais que os marcados polas leis ordinarias.

2. Tal e como está a redacción actual do anteproxecto de Lei de Servicios da Sociedade da Información e Comercio Electrónico (LSSI), a rede corre o perigo de transformarse nunha ferramenta burocrática na que os medios de comunicación deberán almacenar, vixiar e identificar os contidos que introduzan os seus usuarios -incluídas as opinións verquidas en foros e chats-.

3. O terceiro anteproxecto da LSSI instaura a censura administrativa, superada no Estado español dende a caída do réxime preconstitucional. A actual redacción do artigo 11 faculta á administración para censurar os contidos difundidos por internet. É dicir, un funcionario poderá suspender un "servicio da información". Un "servicio da información" na LSSI española inclúe non só o comercio electrónico senón todo o publicado na rede.

4. A LSSI, ó facultar á "autoridade administrativa" para "suspender a transmisión, o almacenamento de datos, o acceso ás redes de telecomunicacións e a prestación de calquera outro servicio da sociedade da información" rebate non só á Constitución, senón todos os principios que garanten a liberdade de expresión. Ata hoxe, só un xuíz tiña facultades para secuestrar unha publicación, dacordo coa lei. Dende o OXNT do Colexio de Xornalistas entendemos que isto debe seguir sendo así.

5. No Estado e en Galicia a liberdade de expresión está fortemente mediatizada polo poder económico. Internet destrúe esta barreira, como demostra o éxito de cabeceiras con poucos recursos económicos, os chamados micromedios. Pero se a actual LSSI triunfa, todas as publicacións electrónicas deberán censurar os seus contidos dacordo coa opinión do Estado. De non facelo así, a administración poderá sancionar á empresa que mantén este servicio con multas de ata 50 millóns de pesetas, independentemente do tamaño da empresa editora. Estas multas, absurdamente desproporcionadas, poden afundir a calquera pequeno medio que manteña un foro de opinión, pero son perfectamente asumibles por unha grande empresa. En definitiva, se a LSSI supera o trámite parlamentario, só os medios poderosos economicamente poderán correr o risco de molestar á administración.

6. A LSSI tamén amenaza ós medios de comunicación tradicionais. Hoxe a publicación vía internet é para case todos eles unha vía secundaria de difusión, pero nun curto prazo espallarán boa parte dos seus contidos -e obterán parte dos seus ingresos- a través da divulgación polas redes de telecomunicacións -chámense estas internet, televisión dixital ou calquera outro medio que a tecnoloxía nos ofreza-. Daquela, se sae adiante a LSSI, os xornalistas destes medios atoparíanse cohacionados por unha lei que non deben apoiar co seu silencio.

7. Conclusións:

A LSSI é un intento de castrar a oportunidade que nos da a tecnoloxía para enxendrar novas formas de comunicarnos. É un paso atrás porque converte ós cidadáns en policías, porque somete a liberdade de expresión ó criterio do Estado e porque vincula a capacidade de informar co poder económico. É un paso atrás porque amenaza a liberdade de expresión na rede máis que nos medios impresos.

Cómpre lembrar que poucos principios legais teñen unha trascendencia semellante. No país no que a liberdade de expresión non está garantida non hai nin democracia nin liberdade. É máis, non todos os dereitos son iguais, e o da liberdade de expresión prevalece sobre moitos outros, tal e como ten admitido a xurisprudencia constitucional.

O proxecto de lei amenaza igualmente o dereito dos cidadáns a recibir información e a obriga dos xornalistas a satisfacer este dereito; dous pés dun memso principio sobre os que descansa o compromiso deontolóxico dos profesionais e un dos fundamentos da democracia. Limitar os contidos na rede implica violar o dereito á información e agredir o principal compromiso da profesión xornalística..

Por todo isto cómpre dicir NON ó anteproxecto de Lei de Servicios da Sociedade da Información e Comercio Electrónico. O Observatorio de Xornalismo e Novas Tecnoloxías do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pide a súa INMEDIATA RETIRADA e a súa substitución por unha lei que regulamente unicamente o comercio electrónico, tal e como establecen as directivas europeas.

En Santiago de Compostela, a 30 de xuño de 2001

Observatorio de Xornalismo e Novas Tecnoloxías de Galicia