Oliver Laxe falou sobre cine de autor nunha charla da TIC á que asistiron os alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo

Charla de Óliver Laxe na EIS de Lugo (Foto: Fundación TIC)

O director de cine Oliver Laxe, gañador de dous premios no Festival de Cannes e que vén de recibir o Premio da Cultura Galega 2017, ofreceu unha charla na Deputación organizada pola Fundación TIC. A conferencia Oliver Laxe e o cine de autor, que estivo aberta ao público, serviu tamén de clase maxistral aos alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son da TIC de Lugo.

Oliver Laxe expuxo a súa experiencia como director, que inclúe diversos premios de prestixio internacional. Na súa intervención, falou do proxecto que ten agora mesmo entre mans, a longametraxe Aquilo que arde, que se rodará o vindeiro ano en diversas localizacións da provincia de Lugo, especialmente no Concello de Navia de Suarna, de  onde son orixinarios os seus avós maternos. Alumnos da EIS xa están a compartir parte do traballo de Laxe durante os ensaios da película que o director realiza en dependencias da TIC.

Convenio para a inserción laboral

Con esta charla arrancou un ciclo de masterclass sobre cine de autor que forma parte dun convenio de colaboración entre a Fundación TIC e Miramemira, a produtora de “Aquilo que Arde”. Este ciclo inclúe o encontro do alumnado con outros destacados profesionais  que impartirán os seus coñecementos sobre pre-produción e produción, guión e dirección artística.

Grazas a este convenio, os estudantes da EIS terán acceso a unha formación práctica nunha produción cinematográfica de proxección internacional. A finalidade é que o contacto directo con profesionais de prestixio contribúa a introducilos no sector e a súa inserción laboral. Ademais, o obxectivo desta sinatura é a promoción da provincia de Lugo como espazo de rodaxe xerador de riqueza económica e de asentamento de poboación no rural.

Director de culto

Oliver Laxe é un dos referentes do Novo Cinema Galego, unha corrente cinematográfica que logrou situar a Galicia e aos cineastas galegos no mapa mundial do cine de calidade, cunha repercusión e un recoñecemento internacional sen precedentes.

Fillo de emigrantes galegos, naceu en París en 1982. Aos seis anos retornou coa súa familia a Galicia. Despois de estudar cine na Universidade Pompeu Fabra, marchou a Londres onde rodou a curta Y las chimeneas decidiron escapar. A súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, foi gañadora do Fripesci na quincena de realizadores do Festival de Cannes en 2010. Seis anos máis tarde obtivo o Premio da Crítica do festival galo por Mimosas.

FUNDACIÓN TIC