Os alumnos da TIC manteñen unha xuntanza coa nova xeración de directores galegos nos Encontros Mestre Mateo
Os estudantes da EIS de Lugo coñecen de primeira man a experiencia de Andrés Goteira en Dhogs, Anxos Fazáns en A Estación Violenta e Simón Casal en Serramoura.
Os alumnos da Fundación TIC da Deputación de Lugo mantiveron unha xuntanza cos directores Andrés Goteira, Anxos Fazáns e Simón Casal dentro dos Encontros Mestre Mateo que organiza a Academia do Audiovisual Galego. O meirego Goteira alzouse co Premio á mellor dirección por Dhogs, galardón ao que tamén optaban Fazáns, pola longa A Estación Violenta, e Casal pola serie da TVG Serramoura.
O Deputado Eduardo Vidal resaltou “a importancia de que o noso alumnado coñeza de primeira man a experiencia destes cineastas, que son un exemplo de que con talento, traballo e perseveranza se pode chegar moi lonxe, independentemente da idade, do xénero e do lugar de procedencia”.
Neste senso, dixo que “os tres directores son moi novos. Para Andrés e Anxos esta foi a súa primeira longa, pero Simón xa acadou un gran éxito con Lobos Sucios, unha película na que participaron alumnos da nosa Escola. Pola súa banda, Anxos Fazáns é todo un exemplo para as nosas alumnas, e a demostración de que imos polo bo camiño na igualdade de xéneros nun campo dominado, ata o de agora, polos homes”.
Orgullo para o rural lucense
Eduardo Vidal destacou especialmente o éxito de Andrés Goteira “un rapaz que, xunto con tres amigos de Meira, conseguiu un fito histórico no cinema galego: 13 Premios Mestre Mateo pola súa opera prima Dhogs”. O Deputado dixo que “Goteira é un orgullo para todos os lucenses, especialmente os do rural, xa que nos demostrou que desde un Concello pequeno se pode facer cine de calidade e conseguir grandes éxitos a nivel nacional e internacional”.
“Desde a Deputación e a Fundación TIC sentímonos, ademais, moi satisfeitos por apoiar a uns mozos de Meira que crían firmemente no seu proxecto e que son a proba de que os soños poden facerse realidade. Iniciativas así son as que fan a marca Lugo”, apuntou Vidal.
FUNDACIÓN TIC