Os alumnos do IES de Sanxenxo descubren a función dos xornalistas como garantes do dereito a información

O xornalista Alfonso González Redondo nun momento dos obradoiros de Xornalismo na Escola 'la Caixa'

Os obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa", a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, realizados esta mañá no IES de Sanxenxo axudan ao alumnado a distinguir as noticias falsas e os bulos da verdadeira información. 

O IES de Sanxenxo acolleu esta mañá dous obradoiros de Xornalismo na Escola “la Caixa”, o programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa`, impartidos polo xornalista Alfonso González Redondo. A actividade ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións.

A situación de confusión existente en boa maneira nas aulas, onde  o alumnado en moitos casos non valora a importancia de estar ben informado, demostra a necesidade deste tipo de formación. Nas palabras de González Redondo, "a inmensa maioría infórmanse a través das redes sociais e da televisión, e non saben como distinguir as noticias falsas e os bulos da verdadeira información. Tampouco son conscientes dos riscos que supón compartir noticias sen contrastar".

Fronte a iso, os obradoiros de  Xornalismo na Escola “la Caixa” ensinaron ás alumnas e alumnos a valorar a función dos xornalistas como garantes do dereito a información que teñen todos os cidadáns, e non simplemente como alguén que da as noticias na televisión ou que traballa nun xornal. Deste xeito, fomentouse entre os escolares a reflexión e o debate sobre o momento actual dos Medios de Comunicación e a necesidade de estar ben informados para poder ter un criterio definido como cidadáns, nunha sociedade cada vez mais complexa.

Logo dos noventa minutos de exposición, preguntas e debates dos que se compón cada obradoiro, a maioría dos alumnos, afirma González Redondo, "sae convencida de que estar ben informados é unha tarefa que require esforzo pero que paga a pena para ser cidadáns responsables e con criterio propio".

Alfonso González Redondo

Alfonso González Redondo, xornalista con 30 anos de experiencia en radio, prensa e televisión, foi redactor en Radio Pontevedra da cadena Ser, xefe de informativos en Cope e Onda Cero Pontevedra e xefe de programas en Radio Voz Pontevedra. Na televisión, traballou como redactor, produtor de contidos e analista de actualidade no programa Boas Tardes da TVG e como redactor na produtora Faro de Televisión, realizando programas coma ActualizadosO que pasa aquí ou Aquí agora. Foi tamén colaborador e articulista en varios xornais, como La Voz de Galicia ou Pontevedra Viva. Actualmente imparte os obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa" na provincia de Pontevedra.

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Susana Bastón Carballo, Pablo Díaz Bouza, Davide Fernández García, David Fontán Bestilleiro, Alfonso González Redondo e Edgar Melchor Fernández son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As tres primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación nun cento de puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG