Os Colexios de Xornalistas demandan no Congreso que a titulación sexa obrigatoria para o exercicio da profesión
“Este é un paso mais non soamente na demanda dunha lexítima reivindicación para a profesión senón tamén na aposta clara dos Colexios Profesionais de Xornalistas de toda España pola dignificación do noso traballo e defensa dos intereses dun colectivo que é piar básico da sociedade á que serve”, declarou o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, no día en que os colexios de xornalistas, organizados en rede, reclaman a promulgación do ‘Estatuto do Xornalista’ e a creación do Consello Xeral de Colexios.
Os Colexios Profesionais de Xornalistas de España solicitaron hoxe no Congreso dos Deputados que se poña fin á actual desregulación do sector mediante a promulgación do 'Estatuto do Xornalista', unha norma que devolva a obrigatoriedade de dispór da correspondente titulación para o exercicio profesional do xornalismo, expedida por calquera das Facultades de Xornalismo e Comunicación Audiovisual existentes en España.
Os Colexios de Xornalistas reclaman que se poña fin ao intrusismo, como primeiro paso para protexer o dereito fundamental de información da cidadanía, hoxe atacado pola proliferación de noticias falsas e de portais dixitais que se revisten da aparencia de medios de comunicación sen selo, confundindo deliberadamente a sociedade, xa que neles calquera atisbo de xornalismo brilla pola súa ausencia.
Esixiron á súa vez a urxente promulgación da Lei de Creación do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Xornalistas, tal e como dispón con carácter imperativo a lexislación vixente en materia de Colexios Profesionais. Os Colexios confían en que esta norma poida ser tramitada como proposición de Lei por parte do lexislativo, poñendo fin ao inexplicable bloqueo que deu pé a situacións tan inxustas como a creación de Consellos Xerais doutras profesións cuxos Colexios naceron despois que os Colexios de Xornalistas, mentres a profesión xornalística segue a esperar.
Dereitos de autor, Lei Mordaza e RTVE
A necesidade de reformar a Lei de Propiedade Intelectual para que os dereitos de autor dos xornalistas queden expresamente recollidos nela; a derogación dos artigos da Lei de Seguridade Cidadá ('Lei Mordaza') que limitan dereitos sen crear maior seguridade; e a petición do concurso para que a renovación do Consello de Administración da RTVE se leve a cabo coa maior celeridade, foron outros dos asuntos abordados polos Colexios de Xornalistas tanto coa presidenta do Congreso, como cos Grupos Parlamentarios.
No mesmo sentido, os Colexios reclaman outros cambios que permitirían melloras notables para os profesionais e abrirían novas oportunidades de emprego tanto no sector público, mediante a creación de postos específicos de técnicos de comunicación nas administracións públicas; como no privado, permitindo o acceso á docencia nos distintos niveis educativos, realizando cambios na clasificación de actividades económicas para outorgar maior identidade ás distintas facetas profesionais así como no tratamento do IVE, que afecta especialmente aos xornalistas á peza.
As anteriores demandas foron formuladas de xeito unánime por todos os Colexios de Xornalistas existentes en España e que actualmente son os de Cataluña, Galicia, Murcia, Andalucía, País Vasco, Castela e León, A Rioxa, Asturias e Navarra. A Lei de Creación do Colexio de Xornalistas de Aragón xa foi promulgada e están en trámite as dos Colexios de Cantabria e Canarias.
As directivas destes Colexios foron recibidas pola presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor e mantiveron despois reunións de traballo coa Comisión de Educación e Deporte e cos portavoces dos distintos Grupos Parlamentarios da Cámara Baixa.
Ademais, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de asinar o acordo para integrarse na Rede de Colexios de Xornalistas, de cara a mellorar a cooperación conxunta en canto non se cree o Consello Xeral de Colexios de Xornalistas. Con este acordo búscase establecer liñas de colaboración que permitan pór en marcha actuacións comúns en defensa da profesión e mellorar e aumentar os servizos que cada un dos colexios presta na actualidade ás e aos profesionais.
CPXG