Os perigos do xornalismo ambiental

Reporteiros sen Fronteiras (RSF) denuncia os asasinatos, agresións e ameazas que sofren os xornalistas ambientais en todo o mundo, especialmente en Asia e América. Nos últimos cinco anos, polo menos nove informadores ambientais foron asasinados e rexistráronse máis de 50 ataques á liberdade de prensa relacionadas con esta temática.

Reporteiros sen Fronteiras (RSF) vén de alertar dos perigos que ameazan a práctica do xornalismo ambiental, con máis de 50 violacións á liberdade de prensa relacionadas con este tema e polo menos 9 xornalistas ambientais asasinados nos últimos cinco anos. "Os abusos contra xornalistas que traballan en temas ambientais converteuse en algo común”, afirma a organización. 

RSF actualiza así os datos recollidos no seu informe Clima hostil contra os xornalistas ambientais, que documentaba as prácticas contra o xornalismo ambiental até 2015. Desde aquel ano, producíronse nove asasinatos, entre os que a ONG destaca algúns como os de María Efigenia Vásquez Astudillo e Abelardo Liz en Colombia ou o de Shubham Mani Tripathi na India. A estes quizais habería que engadir tamén a Muhammad Yusuf, morto baixo custodia policial en Indonesia, mais do que existen sospeitas de que a súa morte non foi natural.

Dos xornalistas asasinados, catro fórono na India, dous en Colombia, e un en México, Filipinas e Birmania. RSF considera precisamente Asia e América como os dous territorios máis perigosos para realizar información ambiental, concentrando dous terzos dos incidentes rexistrados. Preocupa especialmente o caso da India, onde ademais dos informadores asasinados, recóllense catro agresións violentas e catro casos de ameazas e persecución xudicial contra xornalistas. A case totalidade dos casos indios están vinculados ás denominadas "mafias da area".

CPXG