Reclaman axuda europea para os medios en linguas minorizadas ante a Covid-19

A Asociación Europea de Diarios en Linguas Minoritarias e Rexionais (MIDAS) alertou no Parlamento Europeo dos problemas causados pola crise sanitaria da Covid-19 nos medios de comunicación en linguas minorizadas, e reclamou medidas para garantir a súa supervivencia. 

A Asociación Europea de Diarios en Linguas Minoritarias e Rexionais (MIDAS), que agrupa 27 xornais publicados en once linguas diferentes en toda Europa, asistiu o pasado luns a unha xuntanza do Intergrupo para as Minorías Tradicionais, Comunidades Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo para explicar como afecta a crise sanitaria da Covid-19 á prensa en linguas minorizadas.

Edita Slezakova, presidenta da MIDAS, presentou ante o Intergrupo un relatorio que sobre as dificuldades dos medios de comunicación en linguas rexionais, minoritarias ou minorizadas causadas pola actual alerta sanitaria. O informe non se refire só aos membros da MIDAS, dos que xa foron adiantando algúns datos sobre a súa situación actual, senon a toda a prensa destas características, porque “todos teñen os mesmos problemas e dificuldades”.

Slezakova lembrou que o Consello de Europa fixo un chamamento a que a información sobre a Covid-19 se forneza tamén en linguas minorizadas, un dereito avalado pola Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias pero que neste momento só cobren estes medios de comunicación. Porén, estes se atopan nunha situación financeira moi fráxil, dado que a publicidade, moi reducida pola crise sanitaria, representa entre un 30 e un 40% dos seus ingresos. 

Por esa razón, a MIDAS solicitou que a Unión Europea tome medidas para garantir a supervivencia dos diarios en linguas minorizadas, como apoio financeiro directo aos custos de impresión, a inclusión de axudas nos orzamentos para a Covid-19 que prepara o Parlamento Europeo ou a inserción como publicidade de informacións sobre as atividades da UE relacionadas ao Covid-19 nestes xornais.

CPXG