Rosa María Mateo é nomeada administradora única da RTVE
Rosa María Mateo vén de ser nomeada administradora única da Radiotelevisión Española polo Congreso dos Deputados, con 180 votos a favor, 131 nulos e un en branco. Mateo asumira as funcións do Consello de Administración até que este se renove por concurso público, presumibelmente no outono.
A designación de Mateo como administradora única da RTVE xa fora votada o pasado mércores no Congreso. Naquela votación era necesario o apoio de tres cuartos da cámara, polo que o nomeamento foi rexeitado. Naquela altura, en votación secreta en urna, 168 deputados apoiaran a Mateo, mais algúns dos congresistas estaban ausentes por "non ser definitiva" a elección.
O de hoxe é o oitavo pleno para a renovación urxente e transitoria da cúpula da RTVE prevista no Decreto Lei aprobado polo Goberno, un proceso iniciado o pasado dous de xullo, cando o PSOE, co apoio de Podemos e o PNV, presentara unha lista encabezada por Tomás Fernando Flores. O catro de xullo foron escollidos seis dos membros do novo Consello de Administración: Rosa María Artal, Cristina Fallarás, Víctor Sampedro, Juan José Baños Loinaz e Concepción Cascajosa Virino. Mais, o día 16, por causa de dous votos supostamente errados, o Congreso non refrendou o nomeamento dos catro restantes que viñan propostos polo Senado (Ana Isabel Cerrada, Fernando López Agudín, Josep Lluís Micó e Juan Tortosa), polo que se abriu a vía da administradora única. Esta asumirá as funcións do Consello até que se produza a renovación dos seus membros, presumibelmente no outono.
Tras a renuncia de Tomás Fernando Flores, o Goberno propuxo para o posto de administradora única a Rosa María Mateo. Nada en Burgos en 1942, Mateo ingresou por oposición na Radiotelevisión Española en 1966, onde desempeñou, entre outras funcións, a de presentadora das diferentes edicións dos Telediarios de TVE, subdirectora do noticieiro da fin de semana ou presentadora de Informe Semanal. En 1993 fichou por Antena 3 para facerse cargo do informativo da fin de semana, e nesta canle traballaría até o 2003. En 2008 recibiu o Premio Toda unha vida da Academia das Ciencias e as Artes da Televisión e no 2009 a medalla de ouro ao Mérito no Traballo do Ministerio de Traballo.
Paralelamente, as Mesas do Senado e o Congreso aprobaron as bases do concurso público para a renovación definitiva do Consello de Administración. As persoas aspirantes só teñen tres requisitos: ser maiores de idade con nacionalidade española ou dun Estado da UE; estar en posesión dn título de educación superior e non estar incursas en causa de incompatibilidade; e as candidaturas deben presentarse antes de hoxe. A Comisión Mixta para o control parlamentario de RTVE aprobou tamén hoxe a composición do Comité de Expertos para avaliar esas candidaturas, que finalmente estará formado por Andrés Martín Velasco, Mauricio Fernández Martín, María José Bernal, Jesús María Mellado Morales, Juan Roldán, Sandra Fernández, Isabel Fernández Alonso, José Manuel Diego Carcedo, Carmen Caffarel, Josep Lluís Micò, Isabel Tajahuerce, Enrique Bustamante Ramírez, Francisco Sierra Caballero, Estefanía Jiménez Iglesias, Enric Marín e José María Noguerol.
CPXG