RSF impulsa unha declaración internacional sobre información e democracia

Reporteiros Sen Fronteiras crea unha Comisión da información e a democracia, composta por 25 personalidades de todo o mundo, co obxectivo de redactar unha Declaración internacional sobre a información e a democracia que enuncie os principios básicos relativos á liberdade de expresión. 

A organización internacional Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) anunciaba este martes a creación da “Comisión da información e a democracia”, creada co obxectivo de redactar unha Declaración internacional sobre a información e a democracia. O texto vai estar inspirado na Declaración Universal de Dereitos Humanos, da que este 2018 se fan 70 anos. 

Segundo a carta na que se define a misión desta Declaración, a función da mesma será "enunciar principios, definir obxectivos e propór modelos de goberno" e debera "articular os dereitos humanos, nomeadamente os relativos á liberdade de expresión, os principios deontolóxicos do xornalismo e as regras éticas para o desenvolvemento e uso das tecnoloxías", orientando aos dirixentes públicos e privados. 

A vontade última da iniciativa de RSF é a de sumar o compromiso internacional de estados, empresas privadas e representantes da sociedade civil á Declaración. Para isto, xa se iniciaron contactos con dirixentes de todos os continentes e espéranse as primeiras adhesión para mediados de novembro. 

A Comisión da información e a democracia estará formada por 25 personalidades de todo o mundo e presidida pola premio Nobel da Paz iraniana Shirin Ebadi, e o secretario xeral de RSF Christophe Deloire. Entre os seus membros destacan os xornalistas Can Dündar, Aidan White ou Adam Michnik, o escritor e Premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa ou os Premios Nobel da Paz Joseph Stiglitz e Amartya Sen.

CPXG