SOS Racismo denuncia que se incida na nacionalidade en sucesos como o de Alcorcón

SOS Racismo alertou sobre o tratamento que fan os medios de comunicación de sucesos como as ocorridas esta fin de semana en Alcorcón. Afirman que cando se fai fincapé na orixe dos grupos implicados se poden fomentar actitudes xenófobas entre a poboación española.
"Contextualízase moito o ocorrido dentro dunha cuestión intercultural e racial e non se atende primeiro a problemas de orde pública e ó delito que pode ter ocorrido", afirma Javier Ramírez, portavoz de SOS Racismo Madrid.

"Sen ter un coñecemento profundo da situación atribúense os sucesos a bandas latinas, como se o factor 'latino' fose o desencadeante dun delito. E déixanse de lado outros problemas sociais como o desemprego, a carencia de estudos ou a falta de oportunidades que se poden dar nestas cidades dormitorio", engade.

Desde SOS Racismo advirten de que este tratamento pode derivar en actitudes xenófobas entre a poboación. "Pode quedar a sensación de que todos os latinoamericanos de Madrid son Latin Kings e isto é moi perigoso, pode levar a problemas en colexios, institutos...", afirma Ramírez.

"Se á hora de dar a noticia se destacan constantemente as nacionalidades de un e outro colectivo sinalándoos como grupos diferentes, como se está a facer nestes días, pode pasar de ser un feito puntual a un feito que se estenda a outros lugares", engade o seu compañeiro Diego Lorente.

"Facemos un chamamento ós medios a que non adxectiven este tipo de feitos, a que os traten simplemente como unha rifa, porque do contrario as consecuencias no futuro poden ser peores", conclúe.

MADRID
EL MUNDO
Raquel Quílez