Un estudo da Universidade de Ámsterdam confirma presións xeralizadas aos xornalistas españois

O estudo Percepcións políticas, económicas e organizacionais dos xornalistas: Unha ameaza para a liberdade de prensa, dirixido por Cristóbal Crespo e levado a cabo na Escola de Comunicación da Universidade de Ámsterdam, confirman as presións aos xornalistas españois como unha práctica xeralizada contra a liberdade de prensa. 

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) facíase eco recentemente do estudo Percepcións políticas, económicas e organizacionais dos xornalistas: Unha ameaza para a liberdade de prensa, dirixido por Cristóbal Crespo e levado a cabo na Escola de Comunicación da Universidade de Ámsterdam. No resumo das conclusións do mesmo, confírmanse as presións aos xornalistas españois como algo xeralizado e revélase que "a ideoloxía do xornalista non resulta relevante á hora de que estes reciban presións políticas, económicas, ou da propia organización".

A investigación, baseada nunha enquisa en profundidade a máis de 500 xornalistas españoles, que trabajan en medios de distintos ámbitos e soportes, establece as presións como un feito xeralizado. O 92,2% dos enquisados afirman ter recibido influencias directas dos donos dos medios á hora de publicar determinados contidos. Ademais, un 88,5% afirma percibir as influencias das expectativas económicas do medio como unha presión que limita a súa liberdade de prensa.

No que fai ás presións políticas, a porcentaxe dos xornalistas que as recoñece é algo menor, aínda que manténdose tamén en niveis moi altos: o 76,5% afirma telas sufrido. A isto hai que sumar que a práctica totalidade, o 95,4%, proclama que os políticos e as institucións ofrecen regalos e diñeiro aos xornalistas, e que un 74,9% dos xornalistas enquisados sostén que unha mala relación cun político pode pór en risco o seu posto de traballo. 

Finalmente, o estudo salienta tamén diferenzas en canto a percepción das presións. Así, os xornalistas con contrato indefinido perciben unha maior liberdade de prensa e menos presións externas e internas. A variante de xénero é tamén relevante, posto que as xornalistas reciben un 23% máis de influencias económicas e un 20% de presións do medio que os xornalistas homes.

CPXG