Xornalismo na Escola inicia unha intensa semana con vinte obradoiros en dez concellos de toda Galicia

  • Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Valle Inclán de Pontevedra
  • Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES de Brión
  • Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Francisco Aguiar de Betanzos
  • Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Xelmírez II de Santiago

A vindeira semana será dunha actividade frenética para “Xornalismo na Escola”, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ coa que se pretende achegar os medios de comunicación aos máis novos, cunha vintena de obradoiros que van chegar á Coruña, Pontevedra, Ourense, Pontedeume, Marín, Ferrol, Teo, Santiago de Compostela, Salceda de Caselas e Mugardos.

O luns 24 a semana comeza con obradoiros no IES Otero Pedrayo da Coruña (en horario de 9:35 a 11:15 e de 12:35 a 14:15), no IES A Xunqueira 1 de Pontevedra (de 10:00 a 11.30 e de 16:30 a 18:00), no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (entre as 10:30 e as 12:10) e no IES Fragas do Eume de Pontedeume (de 12:30 a 14:10). O martes 25 os talleres chegarán a Ferrol (de 10:30 a 12:10 no IES Ricardo Carballo Calero), Marín (a partir das 11:30 no IES Illa de Tambo) e Teo (no IES de Cacheiras, entre as 16:30 e as 18:10).

O mércores 26 realizaranse novos obradoiros no IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol (de 12:30 a 14:00 horas) e no IES de Cacheiras, Teo (entre as 12:45 e as 14:25), ademais de sumarse o IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, con dous talleres de 10:45 a 12:25 e de 12:45 a 14:25. Finalmente, o xoves 27 estreanse o IES de Mugardos (con dous obradoiros de 8:45 a 10:25 e de 10:45 a12:25) e o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas (con outros dous de 10:10 a 11:50 e de 12:20 a 14:00), ademais de novos talleres no IES Illa de Tambo de Marín (de 8.30 a 11:00 e de 11:00 a 13:00 e o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (de 12:30 a 14:10).

En toda Galicia está programada a celebración de 90 obradoiros, cos que se pretende chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Álvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández e Víctor Sariego son os xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que se ocupan de impartir os talleres.

Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas axudarán a que a xuventude coñeza o funcionamento dos medios de comunicación e tratarán de estimular na mocidade o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

Novas relacionadas:

 

CPXG