Xornalismo na Escola no IES Otero Pedrayo de Ourense

Xosé Lois Carrión nun momento do obradoiro impartido a semana pasada en Celanova

O IES Otero Pedrayo de Ourense acollerá mañá xoves 6 de abril dous obradoiros de Xornalismo na Escola, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social la Caixa.

O xornalista Xosé Lois Carrión será o encargado de impartir ambos obradoiros, que darán comezo un ás 10.30 horas e outro ás 12.30, a alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES Otero Pedrayo de Ourense.

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas como A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía. 

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar tamén esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG